Tuesday 14 de May de 2024

O Partido Popular alerta sobre o estado dos corpos de polícia local na Área Metropolitana da Coruña


ORGANIZA UNHA XORNADA MONOGRÁFICA O VINDEIRO LUNS, 11 DE DECEMBRO, NA SEDE DOS POPULARES DE OLEIROS QUE CONTARÁ COA PRESENZA DO EXDELEGADO DO GOBERNO EN GALICIA E ACTUAL DIRECTOR XERAL DE EMERXENCIAS E INTERIOR DA XUNTA DE GALICIA, SANTIAGO VILLANUEVA

De insólita pode cualificarse a situación na que se atopan os distintos corpos da Policía Local da área metropolitana da Coruña: desde concellos con todos os seus axentes de baixa -como ocorreu o pasado verán en Bergondo-, a outros como Oleiros, cun só axente durante a noite e cuxa acción se limita a atender o teléfono sen poder enviar efectivos #ante as situacións na que os cidadáns requiren a súa presenza. En Cambre, o Alcalde e o Concelleiro de Facenda están a ser investigados pola fiscalía provincial como “sospeitosos de prevaricación e malversación” no pago das horas extras aos axentes. E isto constitúe só unha mostra do panorama da seguridade cidadá da contorna da Coruña.

Desde o Partido Popular cualificamos a situación que se vive nos distintos concellos da área como de “moi preocupante”, o que levou á convocatoria de plenos extraordinarios en Oleiros e Sada sobre as carencias dos seus corpos policiais municipais tanto de medios humanos como materiais e as consecuencias da falta de axentes. No caso de Sada, a pedimento do Partido Popular promoveuse a creación dunha Comisión Informativa de Seguridade Cidadá, que foi aprobada por unanimidade co resto de grupos municipais do concello.

Co obxectivo de poder profundar sobre os aspectos relacionados coa seguridade cidadá e poder abordar a problemática desde a óptica dos propios concellos, o Partido Popular vai celebrar unha sesión informativa destinada aos seus concelleiros e colaboradores da área Metropolitana, que estará dirixida por Santiago Villanueva, Director Xeral de Emerxencias e Interior e ex-Delegado do Goberno en Galicia.

A xornada de formación terá lugar o vindeiro luns, 11 de decembro, ás 20:00 horas, na sede do Partido Popular de Oleiros (Avenida dás Mariñas, 244, 15176 Oleiros).